O alcalde mantivo este venres un encontro con representantes de varios deportes (baloncesto, baloncesto en cadeira de rodas, balonmán, esgrima, triatlón, remo, loita, ximnasia acrobática, rítmica, patinaxe, fútbol, voleibol ou vela) e anuncioulles que “imos establecer un acto de igualdade e un proxecto denominado Deportistas pola igualdade”.
Judith Rodríguez, tiradora internacional do Club Olivo de esgrima, fixo entrega ao xefe do goberno local do manifesto pola igualdade que se lerá o vindeiro día 8, e fíxolle entrega tamén dunha camiseta co lema “Deportistas pola igualdade”.
Abel Caballero deu transcendencia a esta novidosa iniciativa “para lanzar á cidade a mensaxe da igualdade no deporte. En suma, o deporte practicado por mulleres ten que ter máis apoio que o practicado por homes, porque temos que meter a igualdade con medidas positivas de apoio”, explicou.
O alcalde sinalou que “imos duplicar a axuda ás entidades de formación, máis que lles imos a duplicar aos clubs femininos de deporte de base. Polo tanto, imos aumentar a todos e máis aos de mulleres”, incidiu.
Caballero informou tamén de que durante a fin de semana vaise ler o manifesto polo Día Internacional da Muller en diversas competicións femininas federadas así como algúns eventos que se organizarán en Vigo. “E o martes faremos un encontro masivo con mulleres que practican deporte, con entidades deportivas femininas” no hall do auditorio Mar de Vigo ás 6 da tarde.
Para o martes 8, no Mar de Vigo programáronse exhibicións de taekwondo, baile deportivo, esgrima, ximnasia acrobática e ximnasia artística por clubs do programa municipal de escolas deportivas (Budo Castrelos, Al Compás, Esgrima El Olivo, Flic Flac y Maniotas).