Segundo os convocantes, máis do 80% do persoal autónomo dependente da empresa Frigolouro do Porriño secundou a primeira xornada de folga, convocada pola CIG para reclamar melloras nas súas condicións laborais. O paro indefinido iniciado este xoves polos “falsos autónomos” pertencentes á subcontrata Servicarne afectou a produción da compañía cárnica con sede no Porriño.
O cadro de persoal, que realiza labores para Frigolouro, está formado case na súa totalidade por traballadores autónomos (216 de 224) que “padecen unhas condicións laborais penosas”. Ao cada vez maior ritmo de producción, “cun incremento considerábel da velocidade das cadeas”, hai que sumar a ausencia de horarios laborais e salarios fixos. “O tempo de traballo varía moito, hai flexibilidade total, entramos ás seis da mañá pero uns días saes ás tres da tarde e outros ás once ou á unha”, explicou unha das empregadas.
A central sindical afirma que “os traballadores están obrigados a acudir á empresa durante as fins de semana e incluso os domingos e os festivos”, sen que esta dispoñibilidade se vexa reflexada nos seus ingresos. “Cobramos entre 600 e 900€, pero con estes cartos temos que pagar a cuota de autónomo e as sancións económicas que impón a empresa por case calquera cousa, e que nalgún case chegaron aos 600€”, denuncia a traballadora.
Dende ben cedo un nutrido grupo de empregados concentrouse diante das instalacións da compañía no Porriño, onde foron “custodiados por un forte despregue de axentes da Garda Civil”.