O Festival de Cans volve abrir convocatoria para a que é xa a súa cita anual coa arte e os creadores e creadoras máis novos: a Can Parade. A través desta iniciativa convida a artistas, deseñadores, creadores ou colectivos de calquera disciplina e de calquera punto de Galicia a decorar libremente a silueta do seu emblema oficial, o Can de Cans, sen ningún tipo de restricións técnicas nin materiais.
Segundo informa a organización do festival, as persoas interesadas en formar parte da mostra deben remitir un correo electrónico a [email protected] antes do 22 de abril, no que manifesten o seu desexo de participar e inclúan os seus datos persoais, a súa formación e un portfolio, imaxe, documento ou enlace web no que se poidan ver algúns dos seus traballos (web persoal, perfís ou páxinas en redes sociais: facebook, twitter, instagram, tumblr…) para poder ser avaliados á hora de realizar a escolla.
Unha comisión de persoas da organización do Festival, coordinada por Alberto Alcalde, escollerá aos 10 creadores finalistas. Nesta edición, con motivo do Ano Castelao promovido pola Deputación de Pontevedra, o festival valorará tamén á hora de realizar a selección das creacións presentadas, motivos relacionados coa obra gráfica e plástica deste autor.
A organización facilitarlles a silueta do Can de Cans en gran formato ás dez persoas seleccionadas para que poidan plasmar a súa creatividade sobre ela. O resultado poderá verse na noite do xoves 19 de maio no Calexón de San Sebastián do Porriño, durante a Noite Gia dos Videoclips, que suma a estrea da Can Parade ao concurso de videoclips e a música en directo na rúa. O público asistente poderá votar a peza que máis lle guste e o autor ou autora do Can gañador recibirá o trofeo do festival deseñado polo escultor local Paco Candán. Así mesmo, a súa obra pasará a formar parte da colección de arte do Círculo Recreativo e Cultural do Porriño, entidade patrocinadora desta actividade.
Para que cheguen a máis xente, cada unha das pezas expoñerase nunha das salas de proxección do festival durante o seu día grande, o sábado 21 de maio. Os obxectivos principais desta actividade, xa de programación permanente no certame, son dar a coñecer o traballo de artistas e colectivos artísticos emerxentes, sacar a arte á rúa e dinamizar un espazo público pouco transitado, malia estar no centro da vila. Nas últimas edicións participaron artistas das máis diversas disciplinas, tales como fotógrafos, graffiteiros, creadores de artes plásticas ou debuxantes de banda deseñada, e das catro provincias galegas.