Agenda Cultura

Queres pasear polo Vigo máis literario?

vigoliterario

A Concellaría de Normalización Lingüística e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizan este 9 de abril (11.30 horas) un paseo polo Vigo literario da novel ‘Cabalos e lobos’, de Fran P. Lorenzo, Premio Blanco Amor 2014.

O paseo, que atravesa os lugares desa ficción pero que tamén pretende dialogar coa magoada memoria da cidade e dos seus espazos perdidos, partirá da Privada Moderna, unha singular rúa moi preto do Calvario, no vello límite do concello de Vigo e Lavadores. Desde aí, en menos de dez minutos, e cun alto previo no muro de Vía Norte, chegarase a Gran Vía, 2, o fogar da familia Beckmann, os protagonistas da novela.

O arquitecto dese edificio, Francisco Castro Represas, e a súa obra racionalista serán tamén algúns dos fitos deste paseo que atravesa por entre vellos cafés que non existen xa refuxios antiaéreos, teatros pantasma, cinematógrafos, polas rúas Urzaiz, con parada no vello Derby, a entrada de Príncipe, Colón, Cine Fraga, Casa Sanchón, a Porta do Sol no horizonte, o Teatro García Barbón, o Teatro Rosalía, Marqués de Valladares, a Alameda (Editorial Galaxia) e As Avenidas, cabo do Bar Comercio, o Navy Bar de Manuel Antonio. Alí fronte ao Náutico e ao pé da Estación Marítima, fronteira do alén, remata o paseo de ‘Cabalos e lobos’.

Inscrición

Os interesados en participar neste paseo literario deberán enviar nome completo e teléfono ao correo electrónico [email protected], a partir do día 2 de abril ás 10:00 horas. As prazas estarán limitadas a 50 e a inscrición farase por estrito orde de chegada do correo.

También te puede interesar