Comarcas

300 nenos e nenas para os campamentos de verán no Príncipe Felipe

ninos

Xa está aberto o prazo de inscrición para os campamentos polideportivos Príncipe Felipe, organizados pola Deputación de Pontevedra e que permitirá pasar o verán entre actividades deportivas, educativas e lúdicas a 300 nenos e nenas nacidos entre 2002 e 2009 nos concellos da provincia de Pontevedra.

Serán un total de 50 prazas asignadas por sorteo público por cada unha das seis quendas que se desenvolverán entre o 11 de xullo e o 25 de agosto de 2016. Desas 300 prazas, 30 estarán destinadas a nenos e nenas do Centro Príncipe Felipe no que se desenvolverán os campamentos.

Os participantes aloxaranse en albergue en réxime de pensión completa e estarán atendidos por un equipo técnico formado por persoal especializado. O prezo será de 125 euros por praza. Os interesados poden presentar as solicitudes ben mediante formulario web a través da páxina da Deputación ou por formulario impreso que se poderá recoller na oficina de información ao cidadán da Deputación tanto en Pontevedra como en Vigo.

Con estes campamentos, a Deputación pontevedresa permitirá que mozos e mozas pasen as súas vacacións de verán participando en actividades que contribúan ao seu enriquecemento e desenvolvemento persoal. Para iso levaranse a cabo actividades relacionadas coa natureza, deportes, aire libre, xogos, xogos de sala, arte, parque multiaventura, tiro con arco, deportes en equipo, actividades acuáticas, obradoiros… para desenvoler a súa sociabilidade, o dinamismo multicultural, inculcando hábitos hixiénicos, alimenticios e de exercicio físico e fomentando o respecto polo medio ambiente e a conservación da natureza.

También te puede interesar