Vigo al minuto

O satélite Serpens desintegrouse tras 192 días operativo en órbita e 3000 voltas á Terra

ser1

O pasado domingo 27 de marzo o satélite Serpens reentraba na atmosfera no Atlántico Sur, fronte á costa de Brasil, desintegrándose totalmente. Remataba así unha experiencia iniciada dous anos antes cando a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo asumía o seu primeiro proxecto cun cliente internacional, a Agência Espacial Brasileira, AEB, que puxo en marcha o proxecto Serpens (Sistema Espacial para a Realizaçao de Pesquisa e Experimentos com Nanossatélites), que contou coa colaboración de investigadores da Universidade de Brasilia, Federal de Santa Catarina, Minas Gerais, Federal do ABC, do Instituto Federal Fluminense, e das universidades de Vigo, Morehead State e a California State Polytechnic de EEUU e a Sapienza Università di Roma de Italia.

ser6Tras varios anos traballando en proxectos desenvolvidos enteiramente na Universidade de Vigo, a Agrupación Aeroespacial enfrontaba a súa primeira colaboración internacional nun proxecto que incluía de inicio un satélite, catro estacións en terra e unha vintena de sensores localizados en puntos tan distantes como Vigo, Ourense, Calpoly (USA), Valdivia (Chile), a Antártida e Brasil para enviar datos ambientais, que usando bandas de frecuencia de radio comunicaríanse co satélite.

Unha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada de Humsat, con melloras baseadas nos datos en órbita deste satélite, centraron o traballo do equipo da Universidade de Vigo no denominado sector B de Serpens, tomando ademais parte no despregue de sensores durante a fase de operación. “O sector B funcionou perfectamente, desde o primeiro ao último día, polo que valoramos moi positivamente o resultado do noso traballo. Puidemos cumprir todos os nosos obxectivos científicos e a tecnoloxía desenvolvida na Universidade de Vigo demostrou a súa fiabilidade e potencial”, asegura Fernando Aguado.

O satélite lanzouse o 19 de agosto de 2015 cara á Estación Espacial Internacional, ISS, e alí permaneceu ata o 17 de setembro, cando foi inxectado na atmosfera. Ata o 27 de marzo de 2016, día da reentrada na atmosfera, Serpens estivo un total de 221 días no espazo, 29 almacenado na estación e 192 operativo en órbita, dando 3o00 voltas á Terra.

Próximo reto: estudar os efectos do impacto dunha nave contra un asteroide

Despois de pechar a páxina de Serpens, a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo traballa desde hai meses nun novo reto: a participación en AIDA, a misión conxunta entre a NASA e a Axencia Espacial Europea, ESA, para desviar un asteroide mediante o impacto dunha nave construída pola axencia do goberno de EEUU.

También te puede interesar