Vigo al minuto

Vigo, entre as 10 mellores universidades españolas de menos de 50 anos

cuvi

A Universidade de Vigo revalida por cuarto ano consecutivo a súa presenza no ránking Times Higher Education das 150 mellores universidades do mundo con menos de 50 anos de existencia. Por vez primeira, a clasificación impulsada por Thomson Reuters que avalía institucións de todo o mundo a través da análise de trece indicadores de funcións como ensinanza, investigación, transferencia de coñecemento ou citas, ampliouse de 100 a 150 universidades, entre as que ademais de Vigo figuran outras nove institucións españolas. A Autónoma de Barcelona, Pompeu Fabra, Autónoma de Madrid, Rovira i Virgili, sitúanse nos postos 12, 15, 71 e 83, respectivamente, da clasificación, mentres que e as de Alcalá, País Vasco, Carlos II, Politécnica de Valencia e Politécnica de Cataluña, xunto á institución viguesa, aparecen incluídas no grupo das que van do posto 101 ao 150. Neste caso, as universidades aparecen ordenadas alfabeticamente e non en función dos puntos acadados a partir da análise das variables, como si ocorre nas que aparecen do posto 1 ao 100 do ránking.

A École Polytechnique Fèdérale de Lausanne de Suiza volve repetir no primeiro posto do ránking, que completa o podio de honra coa Nanyang Technological University de Singapur e a Hong Hong University of Science and Technology. A Maastricht University de Holanda, a Pohang University of Science and Technology e o Korea Advanced Institute of Science and Technology de Corea do Sur, as alemás University of Konstanz e Karlsruhe Institute of Technology, a francesa Pierre and Marie Curie University e a italiana Scuola Superiore Sant’Anna, completan os dez primeiros postos desta clasificación, que emprega unha metodoloxía recalibrada ás novas universidades que dá menos importancia a medidas de reputación subxectivas e máis a datos numéricos puramente obxectivos.

O Times Higher Education 100 Under 50 comezou a publicarse en 2012 e foi a partir do ano seguinte cando a Universidade de Vigo apareceu incluída por primeira vez.

Continuar por cuarto ano consecutivo nesta clasificación, na que en 2015 Vigo situouse no posto 88, é para o comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade de Vigo, Xavier Martínez Cobas, “un feito positivo, habida conta de que o financiamento das institucións académicas en España continúa a caer, o que inevitablemente se traduce en descensos para todas as nosas universidades, salvo no da Autónoma de Barcelona que é a única que escala posicións”. A taxa de reposición, que impediu ás universidades durante anos reforzar os seus cadros de persoal, é outro dos factores, que segundo Martínez Cobas cómpre ter en conta á hora de analizar uns resultados que contrastan cos de outras institucións internacionais fortemente financiadas polos seus respectivos gobernos.

A mellor puntuación, en transferencia e ingresos recibidos da industria

Investigación (volume, ingresos e reputación), número de citas (influencia da i+d), docencia e ambiente de aprendizaxe, proxección internacional, tanto da comunidade universitaria como da investigación e innovación e transferencia son as variables analizadas para a realización deste ránking. Neste 2016, a Universidade de Vigo volve acadar a súa máxima puntuación no apartado de Transferencia e ingresos recibidos da industria, acadando un 38.1; en Citas suma 31.8; 30.7 en Presenza internacional; 24.5 en Docencia e 15.2 en Investigación. Respecto do ano pasado a Universidade de Vigo aumenta a súa puntuación en tres das cinco variables analizadas: Transferencia e ingresos recibidos da industria, Presenza Internacional e Investigación, mentres que descende a súa puntuación en Docencia e Citas.

También te puede interesar