A Deputación de Pontevedra aprobou esta mañá o Plan de Práctica Laboral 2016 en empresas para mozas e mozos sen experiencia laboral previa, co que se pretende “reducir a taxa de desemprego xuvenil, un dos retos máis importante ao que nos enfrontamos, e mellorar, nun futuro, a calidade e a estabilidade no emprego”, como salientou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
Deste xeito, a institución provincial vai destinar durante este ano 669.192 euros para este plan, a través do que 400 persoas sen experiencia laboral previa no ámbito dos seus estudos poidan traballar en empresas do sector privado, corporacións sectoriais (colexios profesionais, cámaras oficiais, confrarías, comunidades e federacións deportivas) e organizacións non gobernamentais (asociacións sen ánimo de lucro) da provincia de Pontevedra, coa finalidade de promover e completar a súa formación académica para facilitar a súa futura incorporación ó mercado de traballo.
En total, 360 das persoas beneficiarias traballarán en empresas privadas e 40 en corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais, recibindo entre 700 e 800 € ó mes durante 6 meses, con posibilidade de prórroga por outros seis.