Pistoletazo de saída a tres intensos días do mellor balonmán feminino en O Porriño. Esta mañá comezou na pista do pavillón municipal a fase final da Copa da Raíña, competición que dende hoxe e ata o domingo reunirá a oito equipos que pelexarán por facerse co título. O bo momento que está a vivir este deporte queda patente na competición nacional, con dous equipos galegos na máxima categoría do balonmán feminino español, e no importante incremento de licenzas femininas en Galicia.
Gran afluencia de público dende primeira hora da mañá para ver disputar os primeiros partidos da competición, entre a que se atoparon distintas autoridades da localidade.
Novidades
Trátase da edición máis mediática desta Copa, xa que ademáis dos máis de 50 xornalistas acreditados para cubrir o certame Teledeporte ofrecerá cinco dos partidos da fase final e o resto serán retransmitidos a través de streaming na páxina web da Federación Española de Balonmán.
Outra das novidades desta edición será a celebración da Minicopa, na que xogarán os equipos cadetes dos clubs clasificados para a fase final da Copa Raíña. A Minicopa celebrarase en horarios diferentes (pista 1 e 2) e con entrada gratuíta. A xornada do venres será a máis intensiva, con partidos dende primeira hora ata a noite. A Minicopa comezará ás 09:30 horas e o último choque, comezará ás 20:00 horas.