A Deputación de Pontevedra impulsará dúas novas liñas de axudas dotadas con 200.000 euros cada unha para as asociacións e confrarías de pescadores e para as cooperativas agrarias, axudas que contan cunhas bases claras e transparentes consensuadas co estos dous sectores.
Estas axudas poderán ser destinadas á comercialización e valorización das producións agrarias e pesqueiras; á formación técnica e asesoramento para o desenvolvemento de actividades como a investigación e innovación tecnolóxica; á posta en uso das novas tecnoloxías, das enerxías renovables e do aforro enerxético; ás actuacións para mellorar a calidade dos produtos; aos investimentos para mellorar os servizos prestados polas cooperativas, asociacións, confrarías…; aos investimentos para construcións, equipamentos, instalacións, reparacións en edificios; e a adquisición de equipos e sistemas informáticos, mobiliario e calquera outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos prestados polos beneficiarios aos seus socios.
Na provincia de Pontevedra, o sector agro-gandeiro representa un valor económico de máis de 500 millóns de euros dando emprego a máis de 9.000 persoas. Pola súa banda, en canto ao sector pesqueiro-marisqueiro, a provincia de Pontevedra ten o 45% da frota galega, con máis de 2.000 barcos, e supón o 34,4% do valor da venda de pesca fresca de toda Galicia. O sector ten un valor económico na provincia en primeira venda de máis de 157 millóns de euros e da emprego a máis de 13.000 persoas.