Máis dun cento de persoas de todos os departamentos do Hospital Álvaro Cunqueiro saíron esta mañá á rúa para reivindicar de novo unhas condicións laborais dignas. Cunha concentración na entrada da zona de consultas externas e unha pequena manifestación arredor do hospital que rematou no interior da zona de consultas, os traballadores e traballadoras quixeron denunciar a precariedade laboral que se está a vivir no centro.
Convocada pola CIG e respaldado por moitos traballadores e traballadoras do hospital, esta concentración pretendía poñer de relevo a falta de empregados que se dá en todas as áreas do centro, non soamente na rama sanitaria. Así, piden un aumento da plantilla tamén nas contratas de limpeza, mantemento ou cociña, onde continúan as queixas pola calidade da comida.
Durante a concentración recordaron que as habitacións, que empezaron sendo individuais, agora estanse dobrando para atender á cantidade de pacientes que entra, pero non se está contratando ao persoal necesario para atender toda esa demanda.
A protesta tamén serviu para reclamar o rescate da sanidade pública e reivindicar un servicio gratuíto e de calidade, así como animar aos traballadores e traballadoras a participar na manifestación do vindeiro 1º de Maio.