Chega a cuarta carreira do circuíto Run Run Vigo. Este domingo (10.30 h), Beade acolle a quinta edición da Carreira da Cereixa, que sairá e rematará no centro cultural da parroquia tras pasar por Ramiro Pascual e as estradas de Coutada, da Venda e do Porto.
Trátase dunha proba de 10.000 metros, con dúas voltas a un circuíto de 5 quilómetros, que por primeira vez se inclúe no programa de carreiras populares do Concello. Todos os interesados poderán inscribirse ata este mércores 18 de maio ás 20.00 h no centro cultural de Beade de forma presencial ou no portal de internet Champiochip Norte.
A carreira de Beade, que entra na súa quinta edición, recupera a categoría sénior tras terse realizado en 2015 unicamente para categorías de formación. Ademais, nesta ocasión haberá unha carreira para nenos e nenas nacidos de 2001 a 2006 cunha distancia de 4.200 metros con saída ás 11.30 h.
Ata a data tres foron os eventos pertencentes ao circuíto xa celebrados: Correndo por Vigo (Calvario), Happy Go Running (campus da Universidade) e a Vig-Bay (media maratón entre Vigo e Baiona), sumando xa 5.492 atletas que remataron as probas en asfalto. A de Beade é a cuarta das dez carreiras do Run Run Vigo 2016.