Os monumentos de Vigo amaneceron hoxe cos ollos vendados. Trátase dunha nova iniciativa do Proxecto Enki para promocionar a I Carreira de Obstáculos pola Integración, que se celebrará o vindeiro 29 de maio. Julio Verne (As Avenidas), O Bañista (A Laxe), Manuel Castro (Príncipe), o Monumento ao Traballo (Gran Vía), o Monumento ao Ferreiro (PRaza da Industria), Homenaxe á Inmigración (porto de Vigo) e o Dinoseto (Porta do Sol) serán invidentes por uns días como símbolo das dificultades diarias que deben de superar as persoas con diversidade funcional.
Monumentos invidentes é a terceira iniciativa do Proxecto Enki para promocionar a carreira, tras cubrir un vehículo con post-its na Farola ou tras a xornada ‘Xuntos construímos un mundo mellor’ no Marco. A I Carreira de Obstáculos pola Integración celebrarase o 29 de maio na zona do Náutico, A Laxe e As Avenidas para concienciar á poboación sobre as barreiras e dificultades que deben de superar na súa vida cotiá as persoas con diversidade funcional.
Promovido pola Fundación Abrente co apoio de Aspanaex, Concello de Vigo e Obra Social La Caixa, durante a carreira tamén se celebrará a Feira da Solidariedade cos colectivos Alento, Asperga, Down Vigo, DOA, Asociación Parkinson Vigo, ASEM, ONCE, Aspace Amencer, Apamp, Faxpg, Asociación de Persoas Xordas de Vigo, Discamino, Asociación West Galicia, Teave e Amfiv.
Non é un evento competitivo, senón que busca a diversión e a inclusión. Trátase dunha carreira de obstáculos adaptada, con guerra de cores, escuma, laberinto de cordas, balóns de humor amarelo… na que se pode participar de xeito individual ou en grupos. A carreira está aberta a todos os públicos e a inscripción custará 7 euros, 5 para persoas con diversidade funcional e 7 para aqueles que queiran participar cun donativo na Fila 0.