En poucos anos, no territorio galego instaláronse máis de 4.000 aeroxeradores que supoñen máis de 3.300 MW en funcionamento, convertendo a Galicia nunha potencia eólica. Pero unha análise polo miúdo deste proceso e do marco regulador da enerxía eólica en Galicia amosa que a lexislación favoreceu a instalación de parques eólicos nos montes do rural concedendo ás empresas promotoras importantes dereitos, entre os que destaca a posibilidade de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos parques. Pola contra, este marco regulador imposibilitou o desenvolvemento de parques eólicos comunitarios, figura relevante noutros lugares do mundo, e limitou enormemente a participación dos axentes locais nos procesos de planificación e de decisión.
Esta é unhas das principais conclusións do estudo realizado polo investigador do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, Damián Copena. Na súa tese de doutoramento, dirixida polo profesor Xavier Simón, analiza os impactos socioeconómicos dos parques eólicos no mundo rural galego entre 1995 e 2014 e conclúe que o marco regulador deseñado imposibilitou darlle aos axentes rurais un papel relevante na planificación eólica e no negocio xerado a partir da venda da electricidade. Isto condicionou os impactos socioeconómicos dos parques eólicos no mundo rural limitando as posibilidades dinamizadoras e os efectos positivos da posta en marcha das instalacións renovables.
O axentes rurais, nun segundo plano
Para a súa análise, Copena deseñou e implementou BISEEGA, unha base de datos pioneira con información única sobre os impactos socioeconómicos existentes no medio rural galego a partir da implantación de parques eólicos.
As rendas que percibiron os propietarios dos terreos eólicos foron, por exemplo no ano 2011, de arredor de 3000 €/MW e, nese mesmo ano 2011, a porcentaxe media que supuxeron as rendas eólicas para os propietarios con respecto á facturación dos parques eólicos estimouse no 1,46% para o conxunto de Galicia. O traballo permitiu tamén estimar as rendas eólicas totais anuais que percibiron os propietarios dos terreos, ascendendo este concepto aos 9.850.000 € no ano 2011.