Rematados os traballos de escavación no castro de Santa Trega. Nos 2.000 metros cadrados que se interviron, os expertos atoparon 40.000 pezas e 43 estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares que serviron para rachar coa idea de que o castro gardés estivera ocupado entre o século I A.C. e o I D.C, pero as probas do Carbono 14 confirman que a ocupación iniciouse antes do século IV A.C, incluso con vestixios pertencentes ao século VIII A.C.
A falta do informe avaliativo que iniciou hoxe a Deputación de Pontevedra, entre as pezas atopadas hai algunhas procedentes de Cartago, do norte de África e do sur da península ibérica. Xunto a obxectos do mundo cotiá os arqueólogos tamén atoparon outros relacionados co mundo das crenzas ou relixioso, como o Cabezón do Trega. Ademais, acháronse construcións significativas como unha edificación romana, de carácter social ou relixioso, baixo a que se sitúa a famosa gruta do Trega.
Esta actuación forma parte do protocolo asinado co Ministerio de Fomento para que a Deputación de Pontevedra acometa actuacións para poñer en valor 18 xacementos galaico-romanos da provincia. Para iso levarase a cabo escavacións tamén en Alobre, Facho de Donón, A Lanzada, Porta de Arcos e Mercado dos Mouros e labores de limpeza e mantemento, actividades de promoción, creación de ambientes museográficos e o rexistro dixital dos xacementos en 3D en todos os analizados.