A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar tres novas achegas para melloras en tres localidades da provincia dentro do Plan Concellos 2016. Por un lado, o concello de A Cañiza recibirá unha axuda de 80.000 euros para o alumeado público en Valeixe e Petán e para a construción de beirarrúas no polígono industrial do concello e que se suman aos máis de 297.000 euros que o organismo provincial leva investindo neste municipio no que vai de ano.
Pola súa banda, o concello do Rosal recibirá algo máis de 29.400 euros para a impermeabilización dun depósito de auga potable na Buraca e Arbo terá unha achega de preto de 10.000 euros para o subministro de varios servizos municipais, unha dotación que se suma aos 100.000 euros abonado pola Deputación para a compra dun tractor ou a ampliación e mellora da rede de abastecemento das parroquias do municipio.