Cultura Destacados

O Festival de Cans xerou 36 empregos e contratou a 25 empresas locais

cans03

A economía de quilómetro cero do Festival de Cans volveu xerar un importante impacto económico na contorna, grazas á filosofía de apostar pola contratación local, empregar empresas provedoras no Porriño e a súa comarca e promocionar o consumo en negocios locais.

cans01Na edición número 13, realizáronse 36 altas laborais, con contratacións por días, semanas ou mesmo un mes completo e distribuídos entre a coordinación das diferentes áreas do festival, a produción, o servizo de cátering e o persoal de barras. A maioría destas altas realizáronse a persoas de Cans, O Porriño e concellos limítrofes como Mos, Salceda ou Tui.

Ademais xeráronse máis de 60 empregos indirectos, 36 a través das empresas contratadas polo festival para o son, a iluminación, a seguridade e a mobilidade, e os restantes polas necesidades de reforzo durante os días de celebración do certame na hostalería local, sobre todo bares e restaurantes da propia aldea de Cans, e tamén hoteis e outros negocios.

Por outro lado, o Festival de Cans tamén contratou servizos con 25 empresas locais (hoteis, bares, restaurantes, panadarías, imprentas, ferretería, asesoría, aseguradora ou servizo de taxi) e 19 autónomos do Porriño e arredores. E contribuíu a que dende varias semanas antes do festival estivese cuberta a oferta hoteleira ao 100%.

Tese de doutoramento sobre o impacto económico do festival

cans02Cans colaborou co investigador da Universidade de Santiago Fran Núñez na elaboración da súa tese de doutoramento, centrada no impacto económico, social, cultural, artístico e comunicativo do festival. Con este estudio, que comezou hai xa máis de un ano, a organización espera obter datos económicos concretos e fiables con cifras aproximadas dese impacto económico. Para isto, durante os días de celebración do certame lograron realizarse máis de 2.000 enquisas a persoas asistentes, que servirán para analizar numerosos aspectos neste senso como o gasto medio que realizan en comida, transporte ou aloxamento.

A investigación pretende analizar polo miúdo a evolución do modelo de xestión do festival e o seu impacto económico directo, indirecto e inducido, como pequena industria cultural xeradora de riqueza e emprego. Este traballo está avalado pola Universidade de Santiago de Compostela e dirixido polo profesor Fuco Sangiao, do departamento de Economía.

También te puede interesar