O sector das ambulancias iniciará mobilizacións para reclamar un convenio colectivo xusto e denunciar a paralización das negociacións pola “actitude intransixente” da patronal. Así o anunciaba este venres a CIG, que tamén convocará dúas xornadas de folga nas bases que xestiona Ambuibérica para rexeitar os constantes incumprimentos en materia laboral por parte da empresa.
O vindeiro 14 de xuño o sector manifestarase en Santiago de Compostela (Praza Roxa, 11.00 horas) e nela participarán todos os técnicos de emerxencias que non se atopen de garda. Unha decisión que foi respaldada nas asambleas celebradas por toda Galicia.
En caso de que a partir do día 15 tampouco haxa cambios na actitude da negociación anuncian iniciar unha folga ata que a patronal se sente a falar de condicións laborais “aceptables”.
Por outra banda, os días 21 e 23 de xuño hai convocadas dúas xornadas de folga en bases do servizo de urxencias sanitarias do 061 que xestiona a empresa Ambuibérica en Lalín, Silleda, Baiona, Tui, A Guarda, Nigrán, Mos, Ponteareas, Teixeiro, Cerceda, Negreira, Santa Comba, Muros e nas localidades da Costa da Morte.
Xunto aos incrumprimentos en materia laboral, a empresa tamén acumula dende o mes de decembro importantes débedas salariais cos traballadores, aos que non lles paga os atrasos, unha cantidade que se achega en moitos casos aos 4.000 euros por empregado.