A xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e a plataforma SOS Meixoeiro desenvolveron este mércores ao mediodía unha concentración na entrada do Meixoeiro para “agradecer o apoio das outras áreas sanitarias de Galicia” que hoxe se mobilizaron para denunciar o peche de 1.200 camas durante o verán e amosar a súa solidariedade cos traballadores pechados no centro vigués.
A concentración tivo lugar durante 20 minutos e os participantes no peche e numerosos traballadores berraron consignas como “¡Xerente dimisión!”, “¡O Meixoeiro querémolo enteiro!” ou “¡Conselleiro dimisión!”.
Acto seguido regresaron ao interior do edificio para continuar co peche iniciado o pasado día 1 de xuño para rexeitar o desmantelamento do hospital e reivindicar a súa importancia dentro do sistema sanitario público.
Ao remate da protesta lembraron que todas as mobilizacións que están a desenvolver “son para defender a sanidade pública universal, gratuíta e de calidade” e fixeron un chamamento a participar na manifestación convocada para o vindeiro mércores día 22 de xuño.