“Estamos ante un momento histórico, decisivo, ante unha segunda oportunidade”. Así definía as eleccións xerais deste 26 de xuño a cabeza de lista pola provincia de Pontevedra de En Marea, Alexandra Fernández, quen fixo un chamamento á cidadanía a “votar con memoria, acordándonos de todas as políticas que levamos sufrindo estes catro anos, as políticas de recortes, de privatizacións, de empeoramento do emprego… Fagamos un voto pensando que o futuro ten outras caras, ten alternativas, pensando que o cambio é posible”.
Tras exercer o seu dereito a voto na parroquia da Consolación, en Coia, a candidata asegurou que se trata dun momento decisivo “porque por primeira vez temos a oportunidade de acabar con esas políticas do Partido Popular”. “Xa conseguimos dar un golpe de cambio nas anteriores eleccións, pero agora temos que acabar ese traballo que comezamos o 20 de decembro”, salientou esta arquitecta viguesa de 27 anos.
Para a candidata de En Marea “hoxe a dicotomía é PP ou cambio”, polo que instou ao Partido Socialista a decidirse e a mirar “cara a esquerda e a escoitar esa voz de cambio, que escoite á súa propia militancia que está pedindo que non sigan pola liña da troika, que non sigan cara a gran coalición”.
Fernández animou a todos os españois a acudir ás urnas “e falar” porque “sen participación non hai democracia e non hai cambio político”. A candidata de En Marea percorrerá as diferentes mesas electorais da cidade.