É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer más17.000 euros para impulsar o sendeiro azul de Praia America-Panxón
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Nigrán, Juan Antonio González Pérez, asinaron este martes o convenio para a realización de melloras no sendeiro azul do Litoral Ecosistema Dunar Praia América-Panxón. Cun orzamento de case 17.000 euros, institución provincial achegará o 80% do investimento total, mentres que á corporación municipal lle corresponde o 20% restante.
Este convenio servirá ademais para dar a coñecer un sendeiro que “se ben non se trata dun espazo degradado, si que non está o suficientemente coidado”, explicou o rexedor. Estas actuacións permitirá poñer en valor unha fonte de principios de século e as chamadas ‘casetas de Ramiro’, así como recuperar o espazo público situado preto de Monte Lourido.
Os sendeiros azuis son rutas que enlazan praias ou portos con bandeira azul con elementos naturais da súa contorna, contribuíndo así á posta en valor dos valores naturais, históricos, culturais e etnográficos da provincia. O sendeiro azul de Nigrán une as praias de Panxón e a da Ramallosa.
Con este título dende 2013, este sendeiro localízase nunha enseada orientada cara ao oeste entre Monte Ferro e Monte Lourido. Na súa zona central desemboca o río Muíños, dividindo o sistema dunar en dúas partes: Areal de Panxón e Areal de Praia América. Este sistema tivo que ser restaurado tras ser practicamente derrubado hai varias décadas por mor dunha excesiva urbanización.
Pontevedra, que conta este ano con 11 sendeiros azuis, é a provincia española con maior número de distintivos nesta categoría. Por este motivo, a Deputación puxo en en marcha un programa de posta en valor e acondicionamento destes sendeiros azuis cun orzamento de 184.000 euros. Nigrán é o segundo concello en asinar o presente convenio, despois de que Ponte Caldelas fixera o mesmo no mes de xuño.
Os outros sendeiros azuis da provincia son o Roteiro de Donón (en Cangas), Camiño a Beiramar, Senda entre faros e Senda litoral e do Monte da Guía (en Vigo), o Cabo Udra (na vila de Bueu), a Senda Bao-Xestelas (A Illa de Arousa), a Senda litoral da Guarda (na Guarda), o Sendeiro da Calzada (en Ponte Caldelas), o Sendeiro litoral de Baiona (na vila de Baiona) e, por último, o Sendeiro Azul Ruta das Praias (en Marín).