Comarcas Destacados

Seis sensores miden a calidade de agua e terreos nos castelos de Soutomaior e Sobroso

sensores

A Deputación de Pontevedra, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Universidade de Vigo para o desenvolvemento de aplicacións medioambientais, xa instalou os seis sensores que miden a calidade das augas para uso doméstico e naturais (SmartWater) e a humidade dos terreos (SmartAgriculture) nas fincas dos castelos de Soutomaior e Sobroso.

Nas últimas semanas, persoal técnico asegurouse do perfecto funcionamento dos aparellos, para o que houbo que cambiar a localización dun dos sensores do castelo de Soutomaior, despois de que a Universidade de Vigo comprobase que o correcto funcionamento do dispositivo e que as oscilacións nos datos obtidos correspondían a un problema no emprazamento.

Ademais, ambas as dúas institucións traballarán nos vindeiros meses na adecuación da exposición dos dispositivos, para o que os intentarán cubrir con plásticos que os protexan das chuvias directas, unha circunstancia que podería alterar os datos especialmente durante os meses de inverno.

Os resultados recollidos polos sensores transmítense por GPRS dende as tarxetas SIM que levan incorporadas cada un deles. Ata o momento todos os datos recollidos amosan unha situación de normalidade en termos de disolución de osíxeno, temperatura ou turbidez, ata o punto de que as augas non aptas para o consumo humano se atopan por debaixo do nivel máximo permitido de turbidez das augas si aptas, que está situado en 5 NTU.

Estes datos, se ben buscan en xeral unha mellor calidade de vida de toda a veciñanza da provincia, son de especial interese para a mellora ambiental, a mellor prestación de servizos e, tamén, para a mellora das producións agrícolas e vitícolas.

You may also like