Ducias de traballadores do Sergas participaron este xoves na concentración convocada pola xunta persoal do Chuvi e SOS Sanidade Pública no hospital Álvaro Cunqueiro para reclamar o rescate do centro médico para a sanidade pública e a apertura de todas as camas de hospitalización pechadas durante o verán.
A protesta, que forma parte do calendario de mobilizacións fixado para o mes de xullo, desenvolveuse tanto no interior como no exterior do edificio, na zona de consultas externas.
Os participantes despregaron varias faixas e berraron consignas como ‘A solución, rescatar a concesión’, ‘A privatización é corrupción’ e ‘Xerente dimisión’.
Entre as reclamacións do persoal do Sergas salientan o rescate do Álvaro Cunqueiro para a sanidade pública, a apertura de todas as camas de hospitalización pechadas, a posta en marcha da unidade de críticos no Meixoeiro e un plan de choque contra as listas de espera, ademais de rexeitar calquera derivación á sanidade privada.
A seguinte protesta será o vindeiro 21 de xullo, nesta ocasión terá lugar na antiga entrada de Urxencias do hospital Xeral ás 20.00 horas.