A presidenta da Deputación de Pontevedra explicou este venres que na actualidade un total de 18 municipios da provincia xa teñen concedido o 100% das actuacións previstas no Plan Concellos 2016. Carmela Silva destacou a necesidade de que os veciños e veciñas dos concellos de Pontevedra saiban con estes datos que a maioría das obras municipais que acometen os gobernos locais son posibles grazas aos recursos que a Deputación pon na man dos concellos, “agora hai unha presidenta á que non lle interesa ir sacarse fotos inaugurando obras, pero é necesario saber que esas obras se fan grazas á colaboración entre concellos e goberno provincial”.
Os 18 municipios que teñen o 100% do Plan Concellos concedido a día de hoxe son Agolada, Arbo, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Catoira, Crecente, Dozón, A Estrada, A Illa, Fornelos de Montes, Mondariz, Moraña, Nigrán, Redondela, Pazos de Borbén, O Rosal e Silleda. En total, todos estes concellos recibiron achegas económicas por un valor global de 10.446.774,72 €. En todos os casos, as contías percibidas este ano foron maiores que no exercicio anterior,”con incrementos significativos como, por exemplo, un 50,7% máis na Estrada, un 40,3% superior en Silleda ou un 36,2% máis en Agolada”.
A meirande parte das actuacións destináronse para a liña 1, destacando os investimentos para saneamento, pavimentacións de viais, adquisición de maquinaria, melloras de equipamentos municipais e actuacións en parques infantís e instalacións deportivas. Así mesmo, boa parte das contías foron para a liña 4 dedicada á promoción de emprego e pola que se puideron contratar traballadores e traballadoras para realizar diferentes tarefas municipais. Tamén a través da liña 3 do Plan Concellos, estes municipios accederon a partidas para sufragar actividades culturais, deportivas e medioambientais.
En Agolada, o Plan Concellos achegou un total de 488.888,14 €, un 36,2% máis que en 2015. Boa parte dos investimentos foron para melloras en camiños e pavimentacións, así como para creación de emprego. En Arbo concedéronse 353.497,83 €, un 4,5% máis que o ano pasado. Máis da metade das contías destináronse para saneamento e melloras de camiños e pavimentacións, así como algo máis de 80.000 € para a creación de postos de traballo no municipio.
Para Barro destináronse 399.511,53 €, o que supón un 15,6% máis que en 2015, dos que algo máis de 230.000 se adicaron a saneamento, equipamentos deportivos e melloras en parques infantís e viais, así como case 90.000 e para promoción do emprego. Bueu recibiu 736.977,11 €, un 22,7% máis que no exercicio pasado, dos que 400.000 foron para a liña 1 de investimentos e preto de 140.000 para a liña 4 de promoción do emprego.
A Campo Lameiro concedéronselle 361.447,90 €, un 17,5% máis e dos que tamén destinou a meirande parte para liña 1 e liña 4. O Plan Concellos achegou 379.861,02 € para Catoira, o que significa un 11,5% máis que en 2015, con algo máis de 223.000 para a liña 1 con contías destacadas para acondicionamento de dependencias municipais e instalacións deportivas.
A Crecente chegaron 390.809,29 €, un 16,8% máis que o ano anterior, con achegas sobre todo para acondicionamento de equipamentos municipais, melloras na seguridade vial, melloras en pistas e muros e contratación de emprego municipal. O concello de Dozón recibiu 364.570,61 €, que supoñen 23% máis, dos que a meirande parte foi para pavimentación e acondicionamento de camiños e canalización e construción de muros.
Na Estrada concedéronse 1.736.993,70 €, un 50,7% superior ao ano pasado. Algo máis dese millón de euros destinouse á liña 1 para obras sobre todo de pavimentación e reposición de servizos, adquisición de equipamentos municipais e melloras na rede de abastecemento, así como unha partida de case 400.000 €, para a contratación de traballadores e traballadoras municipais.
Na Illa aportáronse 396.461,26 €, que son un 7% máis que en 2015, con contías especialmente para melloras de equipamentos e viarios e para creación de emprego. Un total de 334.456,43 € foron para Fornelos de Montes, case un 8% máis que no exercicio anterior, dos que a meirande parte se dedicou a melloras en infraestruturas municipais, alumeados e pavimentacións.
Para Mondariz achegáronse 463.588,20 €, un 26% máis, dos que a metade foron para obras de saneamento, adecuación de camiños e equipamentos para instalacións municipais. A Moraña chegaron 447.617 €, que significan un 26,5% máis que en 2015, dos que máis de 300.000 € destináronse á liña 1 con investimentos principalmente en saneamento, pavimentación, reposición de firmes e creación de sendas peonís.
Para Nigrán achegáronse 947.623,61 €, un 35,8% máis, dos que 350.000 € foron para a liña 1 de investimentos con obras sobre todo en parques infantís e biosaudables, creación de espazos públicos, pavimentacións e creación de emprego. Pazos de Borbén recibiu 379.782,54 €, un 11% máis que en 2015, con investimentos sobre todo para saneamento e emprego.
A Redondela achegáronse 1.120.111,31 €, que é un 9,4% máis que o ano pasado, dos que as grandes partidas foron tamén para saneamento e para a contratación de empregados e empregadas municipais. O Rosal recibiu 514.360,75 €, que supoñen un 30,5% máis, dos que máis da metade se dedicou á liña 1 con actuacións sobre todo en saneamento e restauración de cubertas en edificios municipais.
A Silleda concedéronselle 630.216,49 €, un 40,3% máis que o ano anterior, dos que case todos os investimentos foron para liña 1 con partidas en melloras de viais, acondicionamento de rúas e camiños e adquisición de equipamentos municipais.