A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP ) ven de abrir unha campaña na plataforma goteo.org para conquerir 4.100 € necesarios para tramitar a denuncia contra a privatización Hospital Álvaro Cunqueiro. A Asociación entende que esta privatización está no contrato de concesión de obra pública tipo PFI (Iniciativa de Financiación Privada) levada a cabo polo Goberno de Galicia.
A AGDSP denunciou á Xunta por imcumprir a lexislación estatal e comunitaria no caso da “privatización” do Cunqueiro e a denuncia foi admitida a trámite pola Comisión Europea. Por iso, a Asociación ten que facerlle fronte aos gastos os gastos de representación xurídica por un importe de 6.300 €, dos que faltan por abonar 4.100 €.
Esta petición ten como finalidade “aplacar e paliar os dereitos secuestrados e usurpados pola administración pública da Xunta de Galicia”. Por iso, diríxense á cidadanía, movementos sociais ou grupos políticos co obxectivo de “recuperar o pilar básico de calquer estado democrático e de dereito” e “rescatar e democratizar a sanidade, a través da complicidade e a concienciación de toda a cidadanía e as diferentes capas sociais, contribuindo cun aporte económico na medida das súas posibilidades”.