Comarcas

Nigrán quere eximir do 90% do IBI aos locais de asociacións culturais

nigran

O goberno de Nigrán levará ao pleno do próximo xoves 28 de xullo unha moción na que propón a exención do 90% do Imposto de Bens Inmobles, a máxima rebaixa permitida por lei, aos locais de entidades nos que se desenvolven actividades económicas de especial interese cultural e utilidade municipal.

Estas circunstancias culturais se considerarán así se o suxeito pasivo está inscrito no rexistro de asociacións do municipio e ao mesmo tempo o inmoble en cuestión sexa de acceso público e estea a disposición do Concello e outros colectivos culturais.

Esta modificación do tributo, que se adaptaría sen problema a ordenanza municipal e a normativa existente, beneficiaría á asociación O Torreiro de Priegue e o Centro Cultural e Deportivo Bolos da Carrasca (Parada), as únicas dúas entidades deste tipo que actualmente pagan IBI en Nigrán, xa que o resto están exentas por ser locales de titularidade municipal ou de comunidades de montes. Esta iniciativa suporía para eles un aforro de preto de 1.300 euros ao ano.

You may also like