Un home resultou ferido a primeira hora desta mañá ao chocar o turismo que conducía contra un poste na PO-308, ao seu paso por Chancelas, en Poio. O ferido foi trasladado en ambulancia a un centro médico.
Os feitos ocorreron ás 09.30 horas desta mañá e, a consecuencia do golpe, o poste quedou inestable e con risco de caer. Ademais, o vehículo verteu aceite na vía, polo que tivo que intervir un equipo de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas. No operativo tamén participaron efectivos do GES de Sanxenxo e da Garda Civil de Tráfico.
Un ciclista ferido en Cecebre
Por outro lado, os servizos de emerxencia tiveron que rescatar a un ciclista que resultou ferido tras caer nunha zona de difícil acceso nun monte preto da presa de Cecebre, en Cambre. Aínda que estaba consciente, o ciclista tiña dificultades para moverse, polo que tiveron que intervir membros de Protección Civil e Bombeiros de Arteixo.
Ademais, un operario resultaba ferido de gravidade ao caerlle enriba unha plancha de montaxe cando estaba a preparar o escenario de orquestra no campo de festas de Berdeogás, en Dumbría. O accidente produciuse arredor das 11:30 horas e ata o lugar se desprazou o helicóptero medicalizado con base en Santiago.