A Deputación de Pontevedra financiará a redacción dun estudo de mobilidade para o concello de Mondariz que sirva de folla de ruta para realizar peonalizacións, mudar direccións de tráfico e establecer bolsas de estacionamento, así como para ordenar o espazo público en xeral.
Segundo as previsións do organismo autonómico, este estudo estará listo nun prazo de catro meses, aínda que deberá ser aprobado en pleno para darlle validez política.
O deputado Uxío Benítez reuniuse este martes co alcalde da localidade, Xoán Carlos Montes, e cos concelleiros Mónica Peralba e Xosé Emilio Baros para concretar as caraccterísticas do estudo, que servirá para entre outras cousas rematar co estacionamento indiscriminado nalgunhas zonas da vila e a recuperación de espazos públicos para a cidadanía.
Na toma de datos mediranse varios puntos de tráfico rodado e peonil e analizarase a estrutura urbana e a actividade económica existente en cada zona, abordando as cuestións que xurdan con persoal municipal, representantes dos sectores socioeconómicos e das parroquias e entidades locais menores.