Comarcas

@turisriasbaixas sinala que a ocupación hoteleira na provincia foi dun 82% en xullo e chegará ao 84% este mes

CíesA presidenta da Deputación deu a coñecer este xoves os datos de ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra durante o pasado mes de xullo. Os resultados, tal e como subliñou Silva, “son os mellores da última década” xa que a ocupación media na provincia foi do 82%, superior ás propias estimacións da institución provincial que prevían unha media do 72%.

Carmela Silva adiantou ademais que “a falta de reservas de última hora, as que se fagan a través de Internet, estimamos que no mes de agosto a ocupación será de case o 84% nas Rías Baixas”.

Por comarcas, en Pontevedra a ocupación hoteleira en xullo foi do 90%, 25 puntos por riba das estimacións de Turismo Rías Baixas, e está previsto que en agosto os establecementos hoteleiros acaden o 90%.  A presidenta comentou que a cidade do Lérez rexistrou os mellores índices de ocupación da última década e en Poio o incremento foi do 9% con respecto a xullo do ano pasado.

A ocupación hoteleira en xullo na comarca de Vigo ascendeu ó 82%, sete puntos por riba das estimacións realizadas pola Deputación a comezos do verán, e agárdase superar o 90% no mes de agosto. No caso desta comarca, Silva asegurou que na cidade de Vigo os establecementos hoteleiros estiveron ocupados no 85%, os mellores resultados dos últimos anos, e informou que o cámping das Cíes xa non ten prazas dispoñibles durante os fins de semana de agosto.

O Salnés rexistrou unha ocupación do 82,56% en xullo, 12 puntos por riba das estimacións de Turismo Rías Baixas, e está previsto que en agosto os establecementos hoteleiros acaden o 95%.  Carmela Silva subliñou que hoteis de categoría superior ás catro estrelas estiveron ocupados ó 90% e os cámpings superaron o 70%. Tamén falou do caso concreto de Sanxenxo, onde tiveron os mellores datos dos últimos 12 anos, e do Grove, onde a ocupación foi 20 puntos superior ó mesmo mes de 2015.

CSPola súa banda, O Morrazo tivo unha ocupación do 95% en xullo e agarda para agosto o 100%, tal e como a Deputación de Pontevedra sinalaba a comezos do verán. A presidenta asegurou que nesta comarca se detectou un incremento do turismo do norte de España e dos turistas internacionais.

Caldas superou en 40 puntos as estimacións de Turismo Rías Baixas, chegando o 90% e está previsto que en agosto supere o 55%.

A ocupación hoteleira en xullo na comarca do Baixo Miño foi do 81,34% e estímase que en agosto os establecementos hoteleiros cheguen ó 91%.

As comarcas do Condado e da Paradanta rexistraron en xullo unha ocupación do 70%, igual que o estimado pola Deputación de Pontevedra a comezos do verán, e agardan para agosto superar o 80%.

Pola súa banda, as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes rondaron o 70% da ocupación no mes de xullo e esperan resultados similares para agosto.

Silva fixo fincapé no caso dos establecementos de turismo termal, nos que a ocupación superou o 88%, e sinalou que os establecementos de turismo rural superaron o 60% da ocupación, agardando para agosto cifras por riba do 71%.

Amais, a presidenta deu a coñecer que as e os turistas que nos visitaron durante o pasado mes de xullo foron principalmente españois (85,25%), que se decantan por un turismo en familia ou en parella (44%), que están interesados pola cultura (25%) e o desfrute do ocio en xeral (25%). Estes visitantes, con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos (53%), chegan ata as Rías Baixas en coche, alóxanse en hoteis (51%) por un período medio de 7 a 15 días (41%) e non coñecían o noso destino (70%).

También te puede interesar