Once alumnos e alumnas viaxarán a Cork, en Irlanda, o vindeiro mes de setembro grazas ao proxecto de mobilidade da Deputación de Pontevedra ‘Practicum Depo 2015’, integrado no programa europeo Erasmus+ e financiado con 800.000 euros.
Estes mozos e mozas permanecerán seis meses nesta cidade facendo prácticas nos ciclos de formación profesional en Comercio, Instalacións Eléctricas e Automáticas, Sistemas Microinformáticos e Redes e Administración e Xestión.
Durante a xornada de presentación celebrada este xoves, os estudantes recibiron formación por parte do persoal técnico da Deputación sobre a documentación necesaria para realizar as súas prácticas, teléfonos de interese, os seus obrigas e dereitos como bolseiros e bolseiras e demais información necesaria para poder formar parte do programa de mobilidade. Entre outros aspectos, salientaron a necesidade de obter a tarxeta sanitaria europea ou a realización dunha proba de nivel previa á viaxe, que se cotexará con outra proba que realizarán unha vez rematen as súas estadías e permitirá ver a súa mellora idiomática.
O alumnado que participa neste proxecto recibe unha axuda para os gastos de viaxe, que varía en función do destino e neste caso se sitúa en 275 euros. Ademais, tamén se lles achega unha axuda de apoio individual para gastos de aloxamento, manutención e transporte local, que neste caso vai dende os 5.359 ata os 8.931 euros, en función do período de estancia.
Trátase esta da terceira quenda de alumnado que participa neste programa ‘Practicum Depo 2015’, do que xa gozaron 41 mozos e mozas da provincia nunha primeira quenda (25 estudantes estiveron en Belfast e outros 15 repartidos nas localidades italianas de Corigliano Calabro, Terranova de Sibari e Cori) e outros 26, correspondentes á segunda quenda, están na actualidade coa súa estadía no estranxeiro.