A localización dos restos óseos dun cánido nun enterramento moi antigo é un dos achados localizados nas novas escavacións que o equipo de arqueólogos da Deputación de Pontevedra fixeron nestas últimas datas no xacemento galaico-romano de A Lanzada e que xa alcanza máis de 2.500 pezas de todo tipo.
Aínda que os técnicos son moi prudentes e, o enterramento está sen datar, os primeiros análises indican que se trata dunha fosa moi antiga que podería tratarse incluso da época romana xa que non sería a primeira que aparece con este tipo de restos de cans noutras escavacións.
Neste intre estase a recuperar a totalidade dos osos do can para ser enviada a Universidade de León para ser sometida as probas do “carbono 14” para poder determinar a súa verdadeira idade.
Para os técnicos o cánido podería ter dende 2.000 ate cincuenta anos “polo que queremos ser moi cautos, aínda que de ser da época romana sería un dos mellor conservados de todo o noroeste peninsular”.
Estas escavacións forman parte do protocolo co Ministerio de Fomento e que este mesmo mes aprobouse o convenio co Concello de Sanxenxo e a comunidade de montes de Noalla para a posta en valor deste xacemento galaico-romano cun investimento de máis de 262.000 euros.
Os traballos neste xacemento comezaron a mediados de xullo e está previsto que rematen en novembro. Neste mes de traballos ademais do achado dos restos do cánido tamén se localizaron máis de 2.500 pezas de cerámica de luxo da época romana; dúas moedas de bronce romanas; un alfinete romano para o cabelo feito en óso; ou un brazalete de bronce decorado, entre os máis destacados. Todos estes restos sitúan o xacemento na cronoloxía que vai dende o século primeiro ate o terceiro despois de Cristo.
Ademais destes restos arqueolóxicos, a nivel de estruturas ate de agora traballouse sobre todo en sacar e consolidar as escavacións realizadas antes nesta zona. En concreto, consolidouse unha gran estrutura rectangular de máis de noventa metros cadrados da época tardío romana; unha estancia da época alto imperial e unha cabana circular da época castrexa que foi soterrada polo romanos.