A Marea de Vigo segue a mostrar a súa disconformidade coa achega do RC Celta nas obras de remodelación do estadio municipal de Balaídos. Cun investimento previsto de 30 millóns de euros, o grupo municipal considera que a participación da sociedade anónima deportiva é “case simbólica” cando o exercicio anterior contou cuns beneficios de 15 millóns “e na presentación das previsións para este ano 2016 plantexan beneficios de 3,5 millóns”.
Agora, coas esixencias de iluminación para as retransmisións deportivas é necesario un investimento extra de dous millóns de euros porque “a consecuencia da desaparición da cuberta de Tribuna tamén desapareceron os focos alí ubicados, o que tamén demostra a improvisación continua” do Goberno municipal, segundo o concelleiro de En Marea, Xose Lois Jácome.
Segundo En Marea, tendo en conta que a iluminación do estadio é esixencia da UEFA para as retransmisións deportivas e que os dereitos televisivos proporcionarán ao club durante esta tempada máis de 53 millóns de euros non debería ser o Concello quen asumira un sobrecusto “nunha instalación que para máis delito é temporal”.