A Deputación de Pontevedra entregou este luns diplomas a 30 persoas participantes no programa de emprego ‘Depoemprega 2015‘, un recoñecemento polas prácticas profesionais que levaron a cabo ao abeiro dos cursos ofertados por este programa de emprego.
Este programa acadou o seu obxectivo principal, conseguir un posto de traballo para polo menos un 45% do persoal participante. Ademais, firmáronse 29 convenios empresariais cos que 35 dos e das participantes puideron realizar prácticas, sempre dende un punto de vista persoal, xa que a cada unha destas persoas se lles aplicaron estratexias individuais.
‘DepoEmprega 2015’ foi un programa integrado de emprego que desenvolve a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Consellería de Traballo da Xunta de Galicia. Esta iniciativa, cunha duración de 12 meses, estivo dirixida á mellora da ocupación e a inserción laborais das persoas traballadoras en situación de desemprego nos concellos de Bueu, Cangas, A Estrada, O Grove, Ponteareas, Tui e Vilagarcía de Arousa.
DepoEmprega 2015 combinou accións de intermediación laboral con outras de diferente natureza, como a formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas, técnicas de coaching e motivación para a busca de emprego, fomento da capacidade emprendedora, mobilidade laboral, prospección empresarial… En definitiva, todas aquelas accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoal demandantes de emprego incluídas no programa.
A iniciativa tivo como beneficiarias a 110 persoas durante os seus 12 meses de vida. Estas persoas, todas elas desempregadas, debían cumprir cando menos un dos seguintes requisitos: ter algunha discapacidade, ser menor de 30 anos e cunha baixa cualificación, ser perceptora de prestacións, recibir algún subsidio por desemprego ou renda activa de inserción, ser beneficiaria do programa de recualificación profesional ou ser muller ou persoa desempregada de longa duración.