Galicia

A ocupación hoteleira en Pontevedra en agosto supera o 89%

turistas

Os datos de ocupación hoteleira na provincia durante o mes de agosto “veñen confirmar que estamos ante un dos mellores veráns da historia, cunha ocupación media en agosto do 89,2%, cinco puntos por enriba das nosas estimacións previstas”.

Así o salientaba a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que explicou que tomando os datos de rexistro dispoñibles do INE dende 1999 “este é o mellor agosto, xa que estamos catorce puntos por enriba do 74,9% rexistrado en 1999, que era ata agora o ano co mellor índice de ocupación”.

Estes datos veñen corroborar as boas cifras acadadas xa no pasado mes de xullo, cando houbo un 82% de ocupación hoteleira, tamén once puntos por enriba das estimacións.

A Enquisa de Ocupación Hoteleira do INE de xullo confirmaba ás Rías Baixas como un dos destinos con máis tirón de España, converténdose na quinta área turística do Estado, medrando nun 15% e recibindo só nun mes a máis de 205.000 visitantes.

A presidenta sinalou ademais as “cifras espectaculares” acadadas nos establecementos de turismo rural, que tiveron unha ocupación de algo máis do 84%, trece puntos por enriba das estimacións que falaban do 71%. Trátase dun dato moi relevante ao igual que xa o fora no pasado mes de xullo, cando a ocupación fora do 60%.

Dende Turismo Rías Baixas, á vista das excelentes cifras de xullo e agosto, agárdase tamén un bo mes de setembro, cunha ocupación media de entre o 56 e o 60%. “Os datos deste ano veñen confirmar que temos que seguir mantendo unha aposta firme polo turismo na nosa provincia porque é un elemento fundamental de crecemento económico. Pero temos moi claro que non só somos costa, senón que nós tamén somos cultura, gastronomía, patrimonio ou paisaxe”, recordou.

Entre os factores que están provocando esta gran afluencia deste verán á provincia de Pontevedra, Silva lembrou a boa climatoloxía deste ano, as novas rutas aéreas de Peinador (que están facendo que sexa o aeroporto galego que máis medra en número de pasaxeiros), a coxuntura internacional que atrae a máis turistas para España e os formatos novidosos das campañas de promoción de Turismo Rías Baixas, entre as que están os Festivais Rías Baixas, “Cociñando no fin do mundo” ou “62 razóns para visitar os nosos concellos”.

También te puede interesar