Ciencia y Tecnología

As actividades educativas reducen o risco de enfermidades cardiovasculares en mulleres premenopáusicas

anxela-soto

A pesares de que, como explica a investigadora Ánxela Soto, “socialmente se considera ao home como máis vulnerable á hora de padecer unha enfermidade cardiovascular”, este tipo de patoloxías constitúen a primeira causa de mortalidade entre as mulleres en España, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística.

Coñecer o que unha intervención educativa pode achegar a unha mellor prevención deste tipo de patoloxías e, polo tanto, a reducir o risco de padecelas entre mulleres premenopáusicas constituíu o eixo central da investigación que Soto realizou con 320 mulleres de entre 45 e 60 anos para a súa tese de doutoramento. Neste estudo constatou que aquelas que participaran previamente nunhas charlas informativas presentaban un ano despois melloras nos seus niveis de colesterol e de actividade física, así como unha maior adherencia á dieta mediterránea.

O obxectivo do estudo, que deu pé á súa vez a unha publicación na revista científica Medicina Clínica, explica Soto “era avaliar se unha intervención educativa en mulleres perimenopáusicas con, cando menos, un factor de risco cardiovascular modificable consegue cambios significativos na redución dos factores de risco no prazo dun ano”, explica esta titulada en Enfermaría e Fisioterapia pola Universidade de Vigo, que centrou a súa análise nunha etapa, a anterior á perda definitiva da menstruación, que constitúe “o momento no que consideramos máis importante realizar prevención cardiovascular para previr futuras patoloxías”.

Un periodo no que aumentan os riscos

Neste período previo á menopausa, relata Soto, prodúcense na muller unha serie de alteracións, como “a redución da produción de estróxenos, unhas hormonas cardioprotectoras”, o que aumenta o risco de padecer unha patoloxía cardiovascular. Nesta etapa, explica a investigadora, “elévase a rixidez das arterias e aumenta o número de factores de risco”, motivados polo aumento da obesidade central e do sedentarismo, pola elevación da tensión arterial e por alteracións bioquímicas, que implican o aumento do colesterol LDL, o coñecido como “colesterol malo”, e diminución do “bo”, o LDL.

O estudo que esta investigadora levou a cabo nos centros Novoa Santos e A Ponte, en Ourense, con 320 mulleres que presentaban cando menos un factor de risco cardiovascular, como diabete mellitus, hipertensión ou dislipemia, tivo como punto de partida a realización dunha avaliación dos “parámetros antropométricos e hermodinámicos” das pacientes, así como realización dunha analítica e de diversos cuestionarios cos que analizar o seu estilo de vida.

A partires de aí, a mostra “dividiuse de forma aleatoria en dous grupos, cos que se levaron cabo dous protocolos totalmente diferenciados”. Ao chamado “grupo de intervención” ofrecéronselle “tres charlas educativas ao longo dunha semana”, nas que se lles informou sobre este tipo de patoloxías, “os beneficios dunha dieta mediterránea e da diminución dos hábitos tóxicos, así como da promoción da actividades físicas”, mentres que a o outro grupo só se lle remitiu esta información por correo postal.

Transcorrido un ano, Soto someteu de novo ás participantes á mesma avaliación e os resultados amosaron como este segundo grupo presentaba un empeoramento “nos seus parámetros antropométricos e bioquímicos”, mentres que as integrantes do grupo de intervención “mantiñan inalterables os parámetros antropométricos e ademais amosaron un aumento do colesterol HDL e unha redución do LDL e triglicéridos”, ao tempo que manifestaban unha maior “adherencia á dieta mediterránea” e que incrementaran os seus niveis de actividade física. De aí que, como resalta esta investigadora, a principal conclusión deste estudo sexa “que as charlas educativas son unha ferramenta moi eficaz” para previr este tipo de enfermidades.

También te puede interesar