É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másUnha marcha percorrerá este martes as rúas de Vigo para esixir un cambio radical nas políticas económicas, laborais e sociais
As rúas de Vigo acollerán este martes, día 20, unha manifestación convocada pola Unión Comarcal da CIG no marco da campaña que vén de iniciar a central para reclamar “emprego digno na nosa terra” e demandar un cambio radical nas políticas económicas, laborais e sociais ante a grave crise que padece a bisbarra. A marcha arrincará da Doblada ás 20.00 horas e rematará na farola de Urzaiz.
A mobilización foi presentada hoxe en rolda de prensa polos secretarios Comarcal e de Organización da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves e Anxo Iglesias. Os representantes sindicais explicaron os principais motivos polos que a central decidiu poñer en marcha unha campaña para reclamar “emprego digno na nosa terra”: combater a propaganda oficial, sinalar os culpábeis da situación, achegar alternativas e promover a mobilización social.
En canto ao primeiro aspecto, os responsábeis da CIG de Vigo consideran necesario combater a propaganda gubernamental “que intenta ocultar a grave situación socioeconómica que padecemos, como amosa a existencia de máis de 80.000 persoas que se atopan no paro na bisbarra, moi enriba das cifras oficiais”.
Neste senso, lembran que a pesar dos datos que avalarían a suposta recuperación “vemos como continúa a destrución de postos de traballo e o esmorecemento dos nosos sectores produtivos, ao tempo que aumenta a temporalidade e a precariedade no emprego”.
Ao mesmo tempo, apostan por sinalar os culpábeis desta situación, “que non son outros que o PP e o PSOE, xa que aprovaron sucesivas medidas antiobreiras e reformas laborais lesivas para os intereses da clase traballadora ao ditado da Unión Europea e da Troika”. Fronte a isto, lembran que a CIG achegou unha serie de alternativas que foron recollidas nunha ILP que o PP tumbou cos seus votos no Parlamento galego.
Finalmente, agardan que esta campaña sexa a inicio dunha serie de protestas que se sosterán no tempo “para derrubar as políticas da dereita mediante a mobilización social nas empresas e na rúa”. Así, fan un chamamento á veciñanza da bisbarra a participar na manifestación xa que, sublimaron, “temos que esixir un cambio radical nas políticas económicas, laborais e sociais para mellorar as condicións de vida da clase traballadora”.