Galicia recupérase tras a vaga de incendios sufridos este verán. A Xunta ven de anunciar que a vindeira semana comezarán os traballos urxentes para a recuperación do potencial forestal en zonas afectadas polos incendios do verán nos montes galegos.
Estas actuacións contarán cun orzamento de preto de 3 millóns de euros, que servirán para facer un control dos riscos hidrolóxicos erosivos asociados aos lumes e atallar os posibles procesos de degradación dos solos afectados, para contribuír así a recuperar o potencial forestal.
Ademais das actuacións específicas de consolidación de solos realizaranse outras accións, como sementados rexenerativos, eliminación de madeira queimada sen valor de mercado para mellorar a posterior rexeneración do arborado ou aproveitamento da madeira recuperable.
Por outro lado, é preciso mellorar as infraestruturas forestais das zonas queimadas, reparando as cunetas e as obras de paso para facilitar a capacidade de evacuación de augas. Tamén se contempla o arranxo de peches gandeiros afectados incluíndo a substitución dos queimados e as súas infraestruturas complementarias.
As zonas principais de avaliación serán as superficies queimadas nos incendios producidos no ano 2016 cunha superficie que supera as 100 hectáreas e actuarase nos que sexa necesario tomar as medidas oportunas.