A terceira das ‘Depo Andainas’ da Deputación de Pontevedra levou ata Silleda a preto de 300 persoas que percorreron os 8 quilómetros que separan a Fervenza de Pazos do Mosteiro de Carboeiro en pouco máis de dúas horas. A alta demanda da andaina, que está convertendo a esta edición do programa na primeira que completa as prazas ofertadas, obrigou a dobrar a flota de autobuses.
O grupo participante na andaina polo concello de Silleda, integrado por nenas e nenos de 7 anos ata persoas de 83 anos, comezou o percorrido dende o miradoiro para divisar a fervenza do río Toxa sobre as 10.00 h e chegaron ó Mosteiro de Carboeiro ás 12.10 h. Dado que o grupo estaba interesado en coñecer o contorno do mosteiro, organizáronse dúas alternativas que levaron ós participantes a percorrer a ruta botánica así como a ruta do demo. Ó rematar, realizaron unha visita guiada a Carboeiro coñecendo a historia da cripta e as tres torres do mosteiro.
O éxito da convocatoria amosa o crecente interese suscitado polo renovado programa ‘Depo Andainas’, unha actividade gratuíta que impulse hábitos saudables, promova o territorio e impulse a preservación do medio ambiente da provincia de Pontevedra. Entre as principais novidades encóntranse desde a propia celebración das rutas, escapando dos días máis calorosos do verán, ata engadir dous autobuses para trasladar aos participantes, incluír as Illas Atlánticas no programa e impulsar a participación dos concellos.
Tamén son novidades as charlas e actividades medioambientais que se realizan durante os percorridos e a apertura da participación a aquelas persoas que non empreguen o autobús para desprazarse ata os lugares das andainas. Amais, por vez primeira o programa conta coa participación activa dos concellos, que se encargaron de promover as rutas, a diferenza do que aconteceu nas edicións anteriores.