A Mancomunidade de Montes de Vigo e a asociación de usuarios da bicicleta A Golpe de Pedal organizan este domingo 2 de outubro a primeira marcha ciclista popular polos montes de Vigo.
O obxectivo é achegar aos cidadáns de Vigo ao seu monte e darlles a coñecer todo o potencial de saúde, entretemento e paseo que teñen as 13 comunidades de montes e facelo “a través dun medio que diversifica a mobilidade de forma sustentable como é a bicicleta”.
A marcha sairá ás 11.00 horas do aparcamento da área forestal do Vixiador, en Candeán, e percorrerá Cabral, Vixiador, Carballa, Teis e A Madroa para volver ao Vixiador. En total serán 12 quilómetros con tres paradas intermedias, principalmente por camiño asfaltado, salvo nunha zona do Vixiador que vai por pista forestal, e farase a ritmo suave para que poidan participar nenos e adultos.
Trátase dun evento popular dirixido a toda a familia, sen interese deportivo ou de competición enmarcada nas políticas activas de promoción do monte e da mobilidade en bicicleta promovida por A Golpe de Pedal, como a recollida de bicis para a súa redistribución entre as familias necesitadas, o impulso de mocións a favor doutra mobilidade ou a “Pedaliña” que se celebra cada ano en plena cidade.
A actividade require unha inscrición previa na área de Uso Social do Monte ou en A Golpe de Pedal.