Vigo al minuto

Así é practicar deporte sen poder moverse, oír ou ver

achega-01

Practicar deporte pero sen estar ao cento por cento, sen poder escoitar, ver ou moverse con liberdade. Eso foi o que experimentaron este luns os rapaces e rapazas do colexio Labor de Vigo, onde a Asociación Achega desembarcou co seu proxecto ‘Achegando o deporte adaptado á mocidade’.

Un programa financiado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e enmarcado no Programa Iniciativa Xove co que se pretende concienciar e sensibilizar sobre a diversidade funcional a través da práctica dos distintos deportes adaptados. Os mozos e mozas puxeronse na pel de persoas con discapacidade motora, auditiva e visual a través da práctica de distintas modalidades deportivas adaptadas.

achega-02

Tras unha pequena formación teórica onde se lles explicaron aspectos básicos sobre a diversidade funcional e as barreiras arquitectónicas, chegou a hora da parte práctica na que os rapaces practicaron tres modalidades deportivas adaptadas: goalball (discapacidade visual), colpbol (discapacidade auditiva) e slalom (discapacidade motora), e puxeronse “na pel” de persoas con distintos tipos de diversidade funcional.

Ao mesmo tempo, pretendeuse concienciar sobre a importancia de facilitar ferramentas para a inclusión das persoas con discapacidade.

achega-03

Achega é unha asociación galega que ten como obxectivos principais a promoción do deporte adaptado e a sensibilización e concienciación de toda a sociedade en canto a romper coas barreiras físcas e mentais en torno á diversidade funcional.

You may also like