A cuarta edición do Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea chega este outono a Vigo con nove concertos, sete estreas e a presencia de artistas convidados de referencia como o dúo Desjardins-Anzelloti, o Kammarensemblen – KeN de Estocolmo, Oh Ton Ensemble de Oldenburg ou o Proyecto OCNOS de Sevilla.
Unha gran programación que nace da man da asociación cultural Vertixe Sonora Ensemble en colaboración co Concello de Vigo para convertir á cidade nunha referencia internacional na creación musical contemporánea. Vangarda e contemporaneidade son conceptos estreitamente vinculados ao festival Vertixe e tamén a esta cidade, sempre prolífica e punteira na creación cultural emerxente.
O festival reforza o seu posicionamento no panorama internacional nesta a súa cuarta edición cunha programación que recolle o diverso acontecer sonoro actual, un festival “que contribúe ao recoñecemento internacional da nosa comunidade e á construción dunha identidade artística sólida e de prestixio para o territorio” e que aposta pola produción artística desde Galicia, polo traballo en rede no ámbito internacional e polo diálogo da música con outras disciplinas, coa concorrencia de creadores e entidades diversas.
O Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea contará coa presenza de compositores e intérpretes de referencia e achegarase ás músicas en feminino en ‘Coma espellos dun calidoscopio’, un programa comisariado por Elena Rykova que contará coa colaboración da poetisa María do Cebreiro e presenta cinco compositoras e artistas sonoras de diferentes países.
Tamén haberá espazo para a ciencia e recrearase o instrumento de síntese acústica de Koenig (1832-1901) nunha colaboración exclusiva co Institut für Technikgeschichte da Universidade Técnica de Darmstadt para a estrea absoluta de Eduardo Moguillansky Droit sur les cloches, conmemorarase o segundo centenario da erupción do volcán Tambora, que dera lugar ao denominado ‘ano sen verán’ e a aparición de obras mestras da arte e da literatura coma o Frankestein de Mary Shelley, Darkness de Byron ou moitos dos cadros posteriores de William Turner; e reflexionarase sobre o ruído, a orde, a desorde ou a entropía co Proyecto OCNOS que nos visita desde Sevilla, con dúas estreas de Germán Alonso e Nuria Núñez.