Galicia Vigo al minuto

Seguimento masivo na folga dos centros de chamadas por uns convenios xustos

manifa-centros-chamadas-01

A terceira xornada de folga de 24 horas convocada nos centros de chamadas para reclamar uns convenios colectivos xustos no sector volveu ter un seguimento masivo. Onte, coincidindo coa primeira mobilización a nivel nacional, celebrouse unha concorrida manifestación en Vigo e concentracións en Ourense e Lugo. No caso da Coruña, o protagonismo foi para a multitudinaria marcha contra o ERE en Extel-Telefónica realizada á tarde deste xoves.

Unha vez máis, os teleoperadores galegos colgaron os cascos e saíron á rúa para demandar a fin dos contratos lixo, os baixos salarios e o remate das quendas que impiden a conciliación da vida laboral e familiar.

En Vigo tivo lugar a maior mobilización polo convenio, cunha manifestación que partiu das inmediacións de Unísono, na Gran Vía, para rematar unha hora máis tarde diante de Bosch, na rúa María Berdiales. Na marcha participaron centos de persoas destas duas empresas, pero tamén doutras coma QSmedia. “Convenios aquí e non en Madrid”, “Aquí traballamos, aquí negociamos” ou “Convenio xusto, convenio galego” foron algunhas das consignas que máis se escoitaron durante o traxecto.

En Ourense tivo lugar unha concentración conxunta diante das porta da Confederación de Empresarios, na que participaron traballadores dos tres centros de chamadas da provincia.

En Lugo, o persoal acudiu ao chamamento conxunto realizado para concentrarse diante da empresa Abante BPO.

También te puede interesar