Destacados Vigo al minuto

O futuro de Faurecia, ameazado pola falta de carga de traballo segundo o comité de empresa

faurecia

O comité de empresa de Faurecia Interior Systems, empresa dedicada á fabricación de componentes para o sector da automoción con sede no Porriño, vén de amosar a súa preocupación pola falta de carga de traballo, que mesmo podería comprometer a viabilidade da compañía a medio ou longo prazo. O cadro de persoal teme que o ERE temporal anunciado pola dirección poida supoñer finalmente despedimentos no caso de que non se consigan novos proxectos.

Dende o comité de empresa denuncian que os problemas comezaron en 2012 cando se empeza a perder proxectos e non se logra ningún novo en todo este tempo. “As expectativas son cada vez peores, xa que a previsión é que en 2018 a empresa quede co 40% da actual carga de traballo”, indican. De feito, o cadro de persoal está integrado na actualidade unicamente por 125 traballadores.

Os representantes dos traballadores aseguran que nos últimos anos desapareceron todos os empregados eventuais e ningunha das xubilacións foron substituídas. Ademais, a dirección xa anunciou a súa intención de presentar un ERE temporal a finais de outubro que afectará ao conxunto do cadro de persoal e que suporá a paralización da actividade da fábrica durante o tempo de vixencia.

También te puede interesar