Arquivada a causa contra o Sergas pola contratación de agullas de insulina

insulina

O Xulgado de Instrución número 1 de Santiago acaba de arquivar a causa sobre o procedemento de contratación do subministro de agullas de insulina para o Sergas, xa que o auto recolle que a Administración sanitaria tivo en conta as reclamacións que recibira sobre a calidade das agullas á hora de convocar un novo procedemento de contratación.

Neste sentido, tras terse constituído un grupo de traballo técnico, asumiuse a proposta relativa a que nos criterios de selección se outorgase un maior peso á proba do produto por parte dun grupo de 100 pacientes seleccionados por tres vías: persoas diabéticas contactadas a través dos centros sanitarios, persoal do Sergas insulinodependente e doentes diabéticos contactados a través das asociacións de pacientes.

A plataforma SOS Sanidade Pública presentaba a principios de setembro unha denuncia contra o Sergas pola mala calidade das agullas empregadas para as inxeccións de insulina en pacientes con diabetes, xa que aseguraban que presentaban numerosas deficiencias, provocando dor no momento de usalas, hematomas e chegando incluso a romperse.

Sen embargo, dende o Sergas lamentan que se teñan utilizado “probas falsas” no proceso xudicial da causa sobre o procedemento de contratación de subministro de agullas de insulina, como é o caso dunha imaxe radiolóxica que se achegou como proba indicando a existencia de fragmentos de agullas nalgún doente cando, realmente, na imaxe que se estaba a ver eran grampas que habitualmente se utilizan nalgún tipo de intervencións cirúrxicas.

También te puede interesar