Cultura Galicia

Atopan outro bebé e dous adolescentes no xacemento arqueolóxico no Campo da Lanzada

lanzada-excavacion-11

O xacemento arqueolóxico do Campo da Lanzada segue a desvelar novos segredos. O equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra atopou os restos dun novo bebé e de dous adolescentes. Con estes últimos descubrimentos, o balance dos achados ata o momento no castro de Noalla (Sanxenxo) é de sete menores de idade, dous adolescentes e unha muller adulta, bautizada como ‘Cornelia’.

En canto aos adolescentes, os seus dous corpos atopáronse un cos pés á altura da cabeza do outro e viceversa, nun grao de conservación moi bo, e soterrados en caixa na area ao igual que ‘Cornelia’. O equipo arqueolóxico descoñece os seus sexos, pero puido confirmar que estas persoas eran dunha grande estatura, bastante máis que ‘Cornelia’, e de complexión forte. Ademais, sinalan que puideron ter relación con esta muller xa que os seus restos foron atopados a carón dela, mais isto é soamente unha hipótese.

Sobre o bebé, o equipo de Arqueoloxía da Deputación sinalou que foi atopado no mesmo vertedoiro no que se produciron os achados o pasado venres. A súa conservación non é tan boa coma a dos corpos adolescentes, e de feito o seu corpo, especialmente o cranio, atopouse moi fracturado. Os restos estaban a escasos 10 centímetros deses outros dous bebés e, ao igual ca eles, era menor dun ano.

Ademais, os traballos realizados no Campo da Lanzada ata o momento xa deixaron o achado de máis de 15.000 pezas en total. Aproximadamente 500 desas pezas son de cerámica romana de luxo, e tamén se atoparon oito moedas de bronce romano que se atopan nestes momentos en proceso de estudo e de limpeza.

También te puede interesar