Deportes

Empezan as ‘DEPOrte Escolas’ nas que participan 1.800 nenas e nenos de 28 concellos de Pontevedra

deporteescolas-futbolEste sábado pola mañá, no campo de fútbol de Chaín en Gondomar, empezaron as actividades de “DEPOrte Escolas” de fútbol da Deputación nas que van a participar máis de 1.800 nenas e nenos de 28 concellos da provincia con idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos.

Este ano, como novidade principal e ademais do cambio de imaxe e denominación das escolas deportivas para convertelas nas “DEPOrte escolas”, mudou o funcionamento das mesmas co obxectivo de dotalas de transparencia e maior participación, respectando a autonomía municipal, sen competir coas escolas deportivas xa postas en marcha nos concellos da provincia. O renovado programa busca a implantación igualitaria e equilibrada no territorio, a promoción do deporte base, un maior incremento da oferta de iniciación á práctica deportiva, a garantía de que cheguen ós concellos disciplinas deportivas non existentes, que as nenas e nenos poidan acceder ó deporte e, finalmente, a consolidación de todas as escolas que se vaian creando nos distintos concellos.

Este esforzo por converter ás escolas nun programa máis transparente e participativo, impulsando actuacións de comunicación coa finalidade de achegar a información sobre as escolas ás familias, ANPAS e concellos,xa está a dar os seus froitos. De feito, nas “DEPOrte escolas” de fútbol participan este ano 100 nenas e nenos máis que o ano pasado, acadando os 1800 participantes fronte ós 1700. Tamén cómpre destacar, indican dende a Deputación, que houbo solicitudes de tres concellos máis para poñer en marcha novas escolas de fútbol, sumando un total de 44 “DEPOrte escolas” de fútbol para o curso 2016/2017 nos concellos de Ponteareas, Gondomar, A Guarda, Mondariz, Nigrán, Valga, Oia, O Rosal, Tui, O Porriño, Mos, As Neves, Vilanova de Arousa, Tomiño, Pontevedra, Campo Lameiro, Vigo, Fornelos de Montes, Cangas do Morrazo, Moraña, Agolada, Rodeiro, Arbo, Crecente, Cambados, A Lama, Vilagarcía de Arousa e Redondela.

As “DEPOrte escolas” da Deputación de Pontevedra ofertan as modalidades deportivas de balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, marcha, piragüismo e baloncesto. A súa implantación terá lugar de forma progresiva, a medida que a institución provincial teña a todas as nenas e nenos inscritos nas diferentes modalidades. De feito, ademais de fútbol comezaron xa as de patinaxe, judo e rugby.

You may also like