O 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca e as bibliotecas públicas galegas desenvolverán ao longo de toda a semana unha extensa programación dirixida a achegarlle os seus servizos á cidadanía.
Actuacións, obradoiros, xornadas de portas abertas, contacontos, visitas guiadas, liberación de libros e mostras bibliográficas son algunhas das propostas que terán lugar ao longo da vindeira semana na Biblioteca de Galicia, nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, na da Coruña Miguel González Garcés, na de Vigo Juan Compañel, na de Pontevedra Antonio Odriozola e na de Santiago de Compostela Ánxel Casal. Esta última mesmo recoñecerá os mellores lectores adultos e infantís coa entrega do premio “Superlectores”, consistente en lotes de libros para os usuarios con maior número de préstamo.
Unha mostra bibliográfica curiosa é a que programa, durante toda a vindeira semana, con motivo do Día da Biblioteca, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel. Baixo o título “Bibliotecas arredor do mundo” selecciona, para público xeral, un conxunto de títulos sobre as bibliotecas máis curiosas e importantes do planeta. A programación da semana rematará o día 27 cunha sesión de contacontos e cancións para os máis cativos (menores de 3 anos) a cargo de Soledad Felloza.
Para facilitar o acceso permanente a toda a programación das bibliotecas públicas e dos centros de programación cultural dependentes da Consellería de Cultura e Educación, a Xunta de Galicia conta coa app Axenda Cultura, dispoñible gratuitamente en Google Play e App Store desde www.xunta.gal/aplicacions-mobiles.