As cidades de Lugo e Terrassa son as dúas finalistas españolas para competir polo premio á capital europea da accesibilidade 2017, unha distinción que se outorgará o vindeiro 3 de decembro en Bruxelas, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
Dacordo co Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi), Lugo, con 195 puntos, e Terrassa, con 191, son os dous finalistas das sete candidaturas presentadas por cidades españolas con máis de 50.000 habitantes.
Foi un xurado de expertos, nomeado por Cermi, quen seleccionou ás dúas cidades como as mellores propostas españolas para pasar á final europea e facerse co galardón continental. Neste eixo, o xurado decidiu, por unanimidade, que a primeira candidatura sexa a de Lugo en base á “claridade e concreción” das súas medidas de accesibilidade.
Ademais, os expertos valoraron positivamente no eido das novas tecnoloxías da información e comunicación, cunha mención especial á web do Concello de Lugo e ás actuacións previstas en materia de accesibilidade cognitiva.