O 8 de setembro de 1916, hai un século, regresaba a Vigo para completar os traballos cartográficos o vapor Urania da Comisión Hidrográfica. Tiñan encomendado rematar o máis preciso levantamento cartográfico da ría: un labor minucioso e detallado, resultado de miles de sondaxes, cálculos xeodésicos e xeométricos, tanto no mar como en terra. Desa encomenda quédannos as cartas náuticas do conxunto da ría, e dos portos de Baiona e Vigo.
Parte deses mapas poden verse ata o vindeiro 27 de novembro na Casa Galega da Cultura na exposición ‘Mapas e cartas de Vigo e de Galicia. Séculos XVII ao XX’, organizada pola Fundación Penzol coa colaboración da Concellería de Cultura de Vigo.
A Fundación Penzol, co propósito de achegar os seus fondos á sociedade organiza esta mostra de cartografía na que se expoñen 33 obras de mapas e cartas de Galicia e de Vigo, representativas do seu fondo cartográfico histórico, que comprende ao redor dunhas 80 pezas.
Comisariada polo cartógrafo e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Méndez, na exposición amosaranse mapas antigos como o de Hernando de Ojea, primeira representación que se fai de Galicia de maneira independente, así como tamén dos destacados cartógrafos Tomás López, Vicente Tofiño, Domingo Fontán… Tamén contará con mapas seguindo o modelo cartográfico de “Le Neptuno François” e levantamentos cartográficos das costas galegas.