Comarcas

Avanza o trámite dos expedientes de cara á peonalización do conxunto histórico de Tui

29102016-tuiAntes de que remate este ano poderá pórse en marcha de forma gradual a peonalización do conxunto histórico de Tui.  Segundo informa o Concello, no departamento de Urbanismo estanse a tramitar os máis de 200 expedientes dos veciños que solicitaron o acceso a esta zona da cidade.

En concreto, estase a completar a documentación que faltaba nalgúns casos e a comprobar cada unhas das solicitudes presentadas. Por este motivo dende a Concellería de Patrimonio do Concello de Tui solicítase a colaboración da cidadanía para completar este proceso, ao tempo que informa que aqueles veciños desta zona da cidade que non solicitaron ata o momento o acceso do seu vehículo a esta zona poden facelo aínda no departamento de Urbanismo.

A concelleira de Patrimonio, Carmen Núñez, explica que o proceso de tramitación dos expedientes esta a ser máis longo do inicialmente previsto, e lanzaba unha mensaxe de tranquilidade xa que a peonalización non se porá en marcha en tanto que todos os veciños teñan o seu distintivo para o acceso a esta zona da cidade.  Carmen Núñez sinalou que a intención é aplicar a peonalización de forma gradual, inicialmente durante as fins de semana, para comprobar o correcto funcionamento tanto das pilonas coma dos dispositivos de acceso. Ao tempo tamén barallan inicialmente permitir aos residentes o estacionamento pola noite no conxunto histórico mentres non se habiliten outras zonas de aparcamento, cuestión que en parte poderá quedar solucionada coa aprobación do PEPCHA.

Os vehículos autorizados contarán cun distintivo específico, que deberá figurar nun lugar facilmente visible, no que constará a matrícula do vehículo autorizado e o seu período de validez. Existen cinco modelos de distintivos para propietarios, residentes titulares de establecementos, residentes nas rúas de estacionamento habilitadas exclusivamente para residentes e servizos.

Aqueles que aínda non solicitaron a autorización de acceso ao conxunto histórico poden facelo no departamento de urbanismo presentando o modelo de solicitude xunto a, entre outros documentos, a fotocopia do DNI, Fotocopia do Permiso de Circulación do vehículo autorizado. Amais os familiares ou persoas que presten asistencia a maiores ou dependentes que residen na zona intramuros  deberán presentar tamén informe dos servizos sociais ou médicos e fotocopia do DNI do asistente ou familiar.

También te puede interesar